No mes de decembro a reunión vaise facer moi pronto: o martes 11 ás 20:30 na sede do Ateneo Valle-Inclán (Bar Plaza)
A obra que imos comentar é unha novela de Arto Paasilinna: O bosque dos raposos aforcados.
Totalmente recomendado, é moi divertido.
Aquí vai a reseña:
Oiva Juntunen é un delincuente de pouca monta que consegue roubarlle varios quilos de ouro ao goberno de Noruega. A vida sorrille a este novo rico mentres os seus cómplices están no cárcere, pero cando estes saen e lle van reclamar a súa parte do botín, Oiva prefire fuxir ás recónditas paraxes da Laponia finlandesa antes de entregarlles un só gramo do seu prezado metal amarelo a aqueles maleantes sen estilo. Naquelas frías terras do norte coñece ao comandante Remes, militar alcólico co que acaba vivindo unha serie de estrafalarias aventuras no límite entre a realidade e o absurdo.
Arto Paasilinna foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros. A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas. Traducido xa a decenas de linguas, “O bosque dos raposos aforcados” é o primeiro libro que se verte do finlandés ao galego.
Na nosa biblioteca tamén temos os títulos: El año de la liebre (1998) e El mejor amigo del oso (2009)